A Medoña

En moitas ocasións lendas de mouros e tesouros agochados están asociados aos lugares que albergan xacementos arqueolóxicos, o que facilita que o pobo teña memoria deles, e aínda que non lembre que eran ou que función tiñan aquelas estruturas do pasado, si saben que son lugares importantes.

A Medoña

20/08/2020
David Sabucedo

Qué significa medoña?

Segundo nos di a RAG é: un Sepulcro prehistórico da época megalítica, formado por un dolmen ou anta cuberto por un montículo de terra de planta circular, de arredor de cinco metros de altura. O megalitismo (a cultura das grandes pedras) esténdese por un período de varios milenios no que hoxe é Galicia, dende o VI milenio antes de Cristo ata o 2000 a.C. aproximadamente, sendo estes enterramentos monumentais un dos elementos máis característicos da época.

Unha das mellores ferramentas da arqueoloxía para localización de xacementos é a toponimia; nomes coma mámoa, medoña, medorra ou lagoa (entre moitos outros) fan referencia á localización de ditas estruturas no terreo ao que dan nome.

En moitas ocasións lendas de mouros e tesouros agochados están asociados aos lugares que albergan xacementos arqueolóxicos, o que facilita que o pobo teña memoria deles, e aínda que non lembre que eran ou que función tiñan aquelas estruturas do pasado, si saben que son lugares importantes.

Como foi localizado o túmulo de A Medoña?

O túmulo da Medoña, a diferenza doutros lugares próximos coma a Costoira ou o Castro de Trelle, borrouse totalmente da memoria dos nosos devanceiros e só quedou dela o nome que lle deu ao monte. Con esa referencia toponímica Pablo e David Sabucedo comezaron os traballos de busca alá polo 2013-2014, e tras pensar nun principio que xa estaba desaparecida, demos con ela por casualidade. Ao ser o terreo chairo o montículo que fai a estrutura chamou de seguido a nosa atención. Só cunha ollada rápida vimos numerosos anacos de granito que se podían corresponder con restos da coroza da mámoa, e ao acceder a cima da mesma atopamos o cono de violación que nos permitiu ver as antas dos dolmen, e ao fin ter a certeza do nosos achádeo. O paso dos anos trouxo que a vexetación que o rodeaba e cubría medrara e agochando á vista a Medoña.

Cando a finais de 2019 formouse o grupo de Amigos do Patrimonio de Toén comezamos as tarefas para catalogalo, informando no concello do achádeo e sendo unha das tarefas principais da asociación a súa posta en valor. Traballos que a pandemia do covid interrompeu ata que o lume do 7 de agosto nos obrigou a intervir de urxencia.

A Lagoa, a referencia máis antiga

Durante os traballos de documentación para a investigación da historia do municipio atopamos a que pode ser a referencia máis remota á Medoña:

O 11 de abril de 1133, en Ávila, o emperador Afonso VII amplía as terras que pertencían ao couto auriense, é dicir, as terras baixo xurisdición episcopal. Este privilexio é un documento clave para a historia do noso concello e parroquia, xa que moitos lugares do mesmo, coma Moreiras, será a primeira vez (polo que sabemos ata hoxe) que temos referencias históricas. Nel tamén se fai referencia ao túmulo de A Medoña aínda que baixo outro nome, o de Lacuna ou Lagoa, e xusto á carón de Moreiras: “et inde inter Lacunam et Morarias”, cando fai mención a que os novos lindes do couto pasan entre Moreiras e a “Lagoa”.

Por que se lle chama Lagoa? Da mesma forma que o topónimo de Medoña fai referencia a un túmulo megalítico, lagoa é un sinónimo do mesmo, pero que nos da aínda máis información, xa que indica que presenta unha abertura na estrutura, é dicir, o cono de violación. Que dito buraco se enchese de auga facía que se lles coñecese coma lagoas ou lagos antigos. Que presentase a abertura tamén nos da outra información, que o sepulcro xa fora violado e posiblemente saqueado naquel tempo; práctica moi habitual e que provocou a perda de moitísimos destes monumentos e dos reliquias que gardaban.

Características do xacemento

A visita dos técnicos de patrimonio o 12 de agosto deunos os primeiros datos de estudo da mámoa. O arqueólogo Manuel García Valdeiras, encargado da peritaxe, datou a ollo o túmulo ao redor do 4000 a.C.; sendo posiblemente unha mámoa de corredor, é dicir, tiña un corredor de acceso á cámara de enterramento.; que o radio oriental sexa máis largo que o occidental sería a característica que levou a pensar en que se trata deste tipo
de mámoa. Esta presenta dous metros de altura e un diámetro de 28 m; obsérvanse restos da coiraza de granito, e a acumulación destas pedras na cara norte responde a unha alteración do túmulo no pasado, polos posibles traballos agrícolas que se facían na zona, tamén é notable esa alteración ca leste e sur. O cono de violación, dun metro de fondo, mostra as antas, pezas, do dolmen, ou cámara funeraria; sendo visibles a pedra da cabeceira e as dúas laterais, así coma dúas de calzo entre a cabeceira e a lateral norte, outra lousa que se atopa sobre o cráter podería ser parte da tampa, teito, ou outra peza da cámara.

O futuro de A Medoña

Os traballos de catalogación desenrolados pola Xunta, así coma unha futura inclusión do túmulo no catálogo municipal de xacementos daranlle a Medoña a protección oficial que buscabamos dende a asociación de Amigos do Patrimonio de Toén, sendo agora nosa labor a súa posta en labor e acondicionamento do monte para que os veciños poidan desfrutar dela e así preservar os últimos restos da nosa máis remota historia.