O tesouro do castro de Trelle

No castro de Trelle hai dúas minas, unha de ouro e outra de alcatrán. O que atopa a mina de ouro faise rico; o que atopa a de alcatrán, se non morre abrasado polo seu lume, será para sempre desgraciado e levará a desgraza aos seus parentes e achegados.
Dunha vez un rapaz de Sabucedo, que andaba a gardar o gando, rañou cun coitelo nunha peneda que hai no castro. Así o fixo, púxoselle diante un xigante moi grandísimo, con ollos de boi, que lle contou que na fonte máis preto da cerca había acubillados unha cabra e mais un cabrito de ouro.
O rapaz, aínda que tomou moito medo, contou no lugar o que lle pasara, e entón foron homes que andaron a medir e viron que a tal fonte era unha que deita nas abas sur e cavaron alí e non se sabe se atoparon algo ou non.