A mámoa das Sete Buratas

A mámoa das Sete Buratas

26/10/2021
David Sabucedo

O febreiro pasado membros da asociación Amigos do Patrimonio de Toén descubriron unha mámoa sen catalogar na paraxe das Sete Buratas (Cartelle), e o pasado 14 de outubro foi inventariada por Patrimonio.

As Sete Buratas

O túmulo atópase no monte coñecido coma as Sete Buratas, moi perto do linde entre os concellos de Cartelle e Toén, situado nun coto que fai del un lugar doado de identificar na paisaxe. Esta situación levou ó arqueólogo Manuel García Valdeiras (encargado de inventarialo) a deducir que este poido ter unha función de marco de término, o que seguramente axudou a que se conservara ata os nosos días.

O topónimo de “As Sete Buratas” podería indicar que esta non sería a única mámoa do lugar, cousa que tamén sinalou a arqueóloga Nerea Vilariño Salgueiro que visitou o xacemento o pasado setembro co grupo de Amigos do Patrimonio de Toén; segundo apuntou é posible que “burata” faga referencia ó cono de violación (perforación feita no túmulo para o seu saqueo), e o haber varios na zona bautizou o lugar, mais polo de agora só hai constancia dunha “burata”.

Características da mámoa

Seguindo as medicións realizadas por García Valdeiras trátase dunha mámoa de considerables dimensións: ten un radio duns 25m e unha altura de 1,5m. Presenta alteracións na súa estrutura pois ten un gran cráter de violación de 50cm de fondura, 9m de longo e 2m de ancho. Semella ser unha mámoa de corredor.

A súa característica máis senlleira é o emprego de seixo branco que está presente en toda a estrutura do túmulo. García Valdeiras atopou restos da coiraza de cuarzo branco, tamén son visibles dous ortostatos da cámara deste mesmo mineral. Como apuntou Nerea Vilariño o emprego do seixo branco fai desta mámoa un caso singular, pois non é moi común atopar este material nas antas dos dolmens do país. Isto débese a que o xacemento atópase sobre un afloramento deste mineral, cousa que tamén reflicte a toponimia pois o monte que está ao lado chámase A Costa Branca.

Alteracións no xacemento

A mámoa atópase nunha plantación de piñeiro nun monte comunal medrando algunhas destas árbores na coiraza, xusto ó seu carón hai un corta-lumes que chega a tocar con ela e tamén hai numerosas rodeiras no seu curuto de pasar por alí vehículos todoterreo.

Dende a asociación Amigos do Patrimonio de Toén esperamos que o coñecemento do xacemento e a súa catalogación axude a protexela e a conservala, si ben é certo que agora é a quenda dos concellos de Toén e Cartelle de darlle un grado máis de protección incluíndoa dentro do catálogo arqueolóxico de cadanseu plan de ordenación municipal.
As Sete Buratas só é un pequeno exemplo da riqueza arqueolóxica que garda o macizo dos Castros, que se estende polos concellos de Toén, A Merca e Cartelle, do que aínda nos queda moito por descubrir.