A Mámoa das Lameiras

O 7 de agosto de 2020 un inmenso incendio devastaba os montes da parroquia de San Pedro de Moreiras, en Toén, deixando ó descuberto no monte comunal das Lameiras unha impresionante mámoa que había oculta no lugar.

A Mámoa das Lameiras

16/06/2021
David Sabucedo

A verdade é que o lume non descubriu nada que non souberamos. Aló polo 2014, nunha das saídas ó monte que facíamos Pablo Sabucedo e máis eu, chamáranos a atención un sospeitoso montículo naqueles terreos chairos, que, tras unha ollada rápida, comprobamos que podía tratarse dunha mámoa. O primeiro que vimos foron numerosos amoreamentos de pedras que poderían ser parte da coiraza (carcasa de pedra e terra que cubría ó dolmen) e tras subir á cima daquela montoeira vimos grandes laxes que se podían corresponder ca cámara de enterramento ou dolmen, o que e nos deu a seguridade do achádeo. Unha confusión ca toponimia do lugar fíxonos crer que estabamos ante o túmulo que bautizara aquel monte coma A Medoña, o cal dábamos por desaparecido, mais o tempo e a testemuña dos veciños corrixiron o noso erro, aquel lugar eran As Lameiras, sendo A Medoña un altiplano localizado ó seu norleste.

A nosa xuventude e falta de asesoramento fixo que non déramos por aquel tempo parte do descubrimento, pero na nosa cabeza só había unha idea, protexelo monumento e algún día catalogalo e poñelo en valor.
Unha Asociación para defensa do patrimonio

En 2019 xunto a varios veciños do concello creamos a asociación de Amigos do Patrimonio de Toén (APTO), un grupo que nacía ca intención de investigar a historia do municipio e por en valor o numeroso patrimonio que alberga, sendo a catalogación da mámoa de Lameiras o primeiro obxectivo.

A pandemia da covid cortou os progresos da asociación no seu inicio, mais o lume de agosto obrigounos a intervir no lugar para impedir males maiores. A primeira visita a Lameiras, para comprobar ó estado do xacemento tralo incendio, descubriunos un monumento de enormes dimensións, sendo, agora que estaba limpo da maleza que o cubría, conscientes do seu tamaño e estrutura. O primeiro que fixemos foi decidir que había que dalo a coñecer para buscar unha reacción dos veciños e tentar conciencialos da riqueza que temos e da súa salvagarda, polo que dimos aviso á prensa e a Patrimonio, sendo a axuda prestada polo concello de Toén e ao seu compromiso ca nosa labor o que axudou a rápida intervención dos técnicos ós poucos días de saltala noticia.

A repercusión que tivo na prensa foi de todo inesperada, o que dende a Asociación pensamos que ía ser unha breve reseña no xornal Faro de Vigo acabou sendo a súa portada na edición ourensá. A reportaxe feita pola TVG e a saída da nova no xornal La Región e numerosos portais de internet ó día seguinte fixo que tódolos faladoiros de Toén volvesen a tratar dun tema que facía anos que non se falaba, de arqueoloxía.

Características do xacemento

As Lameiras atópase encadrada nunha chaira nunha das terrazas do Miño, xa case lindeiro ca conca do río Barbaña, sendo estes solos abondosos en granito e cuarzo. O que antano foran terras de labor comunais de Moreiras-Trelle, hoxe son un terreo de monte baixo ó levar ermas os últimos anos. A paisaxe está moi alterado polas numerosas intervencións que durante as últimas décadas fixéronse nel con maquinaria pesada, estando hoxe moi remexida a terra do lugar; sen contar as moreas de pedra e terra ciscadas por todo o campo produto das obras dun inconcluso campo de golf a escasos metros do xacemento, e o máis que posible uso coma vertedoiro deste monte.

Moi preto da pista forestal que discorre por estas terras atópase a mámoa. A visita dos técnicos de patrimonio o 12 de agosto de 2020 deunos os primeiros datos sobre ela(1) . O arqueólogo Manuel García Valdeiras, encargado da peritaxe, nunha primeira ollada ó túmulo declarou que presentaba numerosas alteracións: por unha parte a abondosa vexetación que o cubría e que agora estaba calcinada, sendo esta monte baixo e algunhas árbores coma piñeiros, bidueiros e carballos que medraran na mámoa; ademais dos incendios forestais, segundo palabras de García Valdeiras: “o túmulo presenta evidencias de saqueo sistemático, o lateral Norte está alterado por achairamento e os restos da coiraza amoreados sobre o mesmo”. Datouna no período calcolítico (III milenio a.C.), sendo posiblemente unha mámoa de corredor, é dicir, tiña un corredor de acceso á cámara de enterramento; que o radio oriental sexa máis largo que o occidental sería a característica que levou a pensar que se trata deste tipo de túmulo.

A medición das súas dimensións deu que ten dous metros de altura e un diámetro de 28 m. Obsérvanse restos da coiraza de granito, e a acumulación destas pedras na cara norte responde a unha alteración do túmulo no pasado, polos posibles traballos agrícolas que se facían na zona, tamén é notable esa alteración ca leste e sur; tralo lume na cara sur-leste había rodeiras das cadeas dunha das máquinas de extinción do incendio. O cono de violación (buraco feito na coiraza no pasado para saquear o túmulo) dun metro de fondo, mostra as antas (pezas do dolmen ou cámara funeraria), sendo visibles a pedra da cabeceira e as dúas laterais, así coma dúas de calzo entre a cabeceira e a lateral norte, outra lousa que se atopa sobre o cráter podería ser parte da tampa (teito do dolmen) ou outra peza da cámara. Pola tipoloxía do túmulo e pola datación correspondese cunha estrutura de enterramento de carácter comunitario, aínda que, segundo comentou arqueólogo, é posible que posteriormente fixéranse enterramentos de carácter individual coiraza do monumento.

Unha característica a ter en conta da mámoa, que pode non ser casual, é a súa proximidade ao camiño, sendo moi habitual a construción destes monumentos funerarios nas rutas de paso, pois estes foron os primeiros delimitadores dunha paisaxe que comeza a ser domesticada pola humanidade(2) ; o que hoxe semella ser unha pista forestal era no pasado un camiño tradicional, coma dan conta as fotografías aéreas do voo americano de 1945-1946. O achádeo do que semella ser un bifaz (unha ferramenta lítica) nas proximidades da mámoa a finais de 2020 daría conta dun campamento humano nos arredores do túmulo, pois estas eran comunidades itinerantes e adoitaban acampar nos arredores das necrópoles ou nas proximidades, buscando con elas conexión visual(3) . Outra curiosidade que chama a atención son as abondosas pedras de seixo (cuarzo) presentes na coroza, sendo este un elemento que na antigüidade relacionábaselle un carácter protector contra o sobrenatural, podería indicar a vontade dos seus construtores de darlle protección espiritual ó panteón funerario.

A mámoa na documentación

Durante a investigación que levo realizando durante anos sobre a historia local atopeime ca que pode ser a primeira mención a este monumento megalítico, curiosamente no primeiro documento conservado que fala do lugar de Moreiras.
O 11 de abril de 1133, en Ávila, o emperador Afonso VII amplía as terras que pertencían ao couto auriense, é dicir, as terras baixo xurisdición episcopal(4) . Este privilexio é clave para a historia do noso concello e parroquia, xa que de moitos lugares do mesmo é a primeira vez que temos referencias documentais. Nel tamén aparece un túmulo megalítico o que denominan a Lacuna ou Lagoa, xusto á carón de Moreiras: “et inde inter Lacunam et Morarias”(5) , cando fai mención de que os novos lindes do couto auriense pasan entre Moreiras e a Lacuna. A denominación das mámoas coma Laco Anticuo ou Lacuna(6) ven dada por presentar esta un cono de violación, cando chovía e este buraco na estrutura enchíase de auga dáballe o aspecto dunha lagoa ou lago de aí que na documentación medieval abunden as referencias en estes termos a estes elementos que actúan coma marcos delimitadores, sendo confundidos moitas veces con humidais polos investigadores(7); a outra información que nos da esta denominación é que o túmulo que sinalan xa fora saqueado moito tempo atrás.

Mais sería esta Lacuna a mámoa descuberta ou sería outra? Para o investigador local da veciña aldea de Sobrado do Bispo, e membro fundador de APTO , Juan Carlos Forneiro, non habería dúbidas que o marco megalítico emprazaríase naquelas terras, coñecidas coma Os Campos (topónimo do monte a carón de Lameiras). En opinión do arqueólogo García Valeiras non sería raro atopar algunha outra no lugar, de feito o estraño sería que non as houbera. Naquel momento non tiñamos referencia algunha de máis mámoas, fóra do topónimo de A Medoña do monte veciño, mais co paso dos días iso ía cambiar.

A positiva reacción veciñal ó descubrimento

A nova do descubrimento correu coma a pólvora no lugar de Moreiras, sendo a reacción da xente moi positiva. Ducias de veciños interesados acudiron As Lameiras para ver cos seus ollos a famosa mámoa, mais tamén moitos foron os que viñeron onda nós para contarnos, agora que sabían o que eran “aquelas pedras”, doutros monumentos que eles de cativos viran naqueles montes.

A primeira testemuña veu de Dosia González, duns 79 anos, segundo relatou sendo ela nena cando ían ó monte da Medoña a traballar os da súa casa xunto con outras xentes de Moreiras, os pais deixábanos, a ela e os demais nenos, nunha “casetiña de pedra” onde xogaban; aquela “casetiña” tiña paredes e un teito feito con grandes laxes, mais non sabían que era, tamén os adultos a usaban de refuxio contra o mal tempo e prendía fogueiras nela. Cando lle chegou a nova, por mor da confusión que se produciu a dar mal nós o topónimo do lugar, foi ó monte da Medoña a vela caseta, mais non deu recoñecido nada do terreo que alí vía do cambiado que estaba. Os traballos de sondaxe levados a cabo en 1980 por un proxecto de facer unha canteira naquela terra mudaran a paisaxe por completo, sendo posiblemente destruído o dolmen que vira e no que xogara de meniña. A sorte fixo que eu estivera naquel lugar aquel día para ver se daba atopado algunha pista, aclareille a confusión e acompañoume a ver se atopábamos a “caseta” da súa infancia. O único que encontramos foron os restos de grandes pedras amontoadas no lado sur-leste daquel altiplano que, pola morfoloxía e colocación dalgunha delas, puideran corresponderse cos da antigo monumento.

As outras testemuñas deron parte doutro túmulo que estaba moi próximo á mámoa catalogada. A primeira persoa que me falou del foi Marisa Seoane Freijoso, esta veciña de Moreiras que tivo formación en historia lembraba un dolmen completo, de moi grandes dimensións, no monte de Lameiras; segundo ela describiu dentro del collía ela de pé, e a última vez que o viu sería fai uns 25 anos, mais non lembraba o lugar exacto. Foi outro veciño de Moreiras, José Luis Arce, quen nos aportou a testemuña máis completa do lugar e o emprazamento do novo túmulo. El lembraba un monumento de maiores dimensións que o catalogado, moi preto da mámoa cara unha ladeira ó surleste que vai cara os montes de Sobrado: -Collíamos nós de pé- comentou, e estaba completo, a diferencia do conservado, xa que tiña a tampa no seu lugar; tamén dixo que sendo el cativo a mámoa descuberta posuía a tampa colocada no seu sitio, sendo esta a pedra que esta caída no cono de violación (a que na análise fixemos referencia), tamén presentaba un “muriño” que rodeaba a estrutura do túmulo, e este: -estaba cheo de pedras coma estas que ten amoreadas nas beiras- relatou. Tras isto levounos ó lugar onde estaba o gran dolmen do que falaran, a uns 600m da mámoa, pero o seu estado é de completa destrución, tal e coma estaba o que puidera ser o da Medoña. A lembranzas deste home remontábanse a 25-30 anos cara atrás ao igual que as de Marisa.

O lugar onde se emprazaba este outro dolmen estaba moi remexido por maquinaria pesada, sendo esta a causa clara da súa destrución por como estaban colocados os restos, producíndose estes feitos o máis seguro durante a obra do malogrado campo de golf, antes nomeado.

A toponimia e tradición oral unha xanela ó pasado

As mellores ferramentas das que dispomos para asomarnos ao pasado e ver que xacementos esconde a nosa terra son dúas: a toponimia e a tradición oral. Un estudo detallado da contorna mediante a análise dos mapas do terreo circundante, entrevistas ós paisanos de Moreiras e as numerosas testemuñas das que din conta anteriormente mostrou ante nós o que foi ata fai escasos 30 anos unha gran necrópole megalítica.

A toponimia da zona amósanos unha grande abundancia destes enterramentos espallados por terreos próximos aos túmulos de Lameiras. En Moreiras están o monte da Medoña, antes mencionado, do que temos a constatación de que no pasado un dolmen foi visto polos veciños nese lugar (a 800m do túmulo catalogado). O linde das parroquias de Trelle e Moreiras sinálao o Regato da Vella, topónimo cuxo significado remóntanos ó culto a unha antiga deusa. No val entre este regato e o regueiro do Batemaus, xa en Trellerma, está o monte de A Lagoa (2.9km da mámoa), podendo ser este a máis seria candidata a ser a Lacuna sinalada no documento do século XII. Xa para rematar na parroquia de Sobrado, xa no concello veciño de Barbadás, está o marco da Penadanta , delimitando os montes comunais da parroquia cos de Moreiras-Trelle, o nome deste linde ven de “pena da anta”, sento a verba “anta” un sinónimo de dolmen; tendo en conta que estas estruturas facían as funcións de marcos delimitadores do terreo dende a antigüidade, estaríamos ante outro enterramento megalítico a un quilómetro escaso do túmulo de Lameiras catalogado. A día de hoxe nin na Medoña (como xa sinalei), nin a Lagoa nin na Penadanta quedan restos claros localizados de túmulo algún, ou polo menos aínda non puidemos dar con eles.

Fóra das testemuñas antes mencionadas a tradición oral apórtanos dúas lendas interesantes que poderían marcar novos xacementos. Entre os monte de A Medoña e A Penadanta está o Outeiro Cebadoiro, deste outeiro recolleu dos veciños de Sobrado Juan Carlos Forneiro, membro de Amigos do Patrimonio de Toén, a lenda de que nas noites de San Xoán as menciñeiras das aldeas veciñas reuníanse no seu cumio para facer fogueiras. Habería a posibilidade de que este monte fose un antigo santuario? Noutros lugares de culto do pasado máis remoto catalogados no noso país, coma o de Adai en Lugo, apareceron túmulos ó seu carón, mais a falta de constatación arqueolóxica con este tema só podemos facer conxecturas. Recollida por Pablo Sabucedo e por min foi a presenza no monte de O Carballal, a quilómetro e medio das Lameiras, dunhas antigas estruturas redondas cuxa historia contounos outro paisano de Moreiras, Ventura Abad, que sendo neno fora alí co seu pai recoller as pedras que as conformaban para a construción, segundo dixo chamábanlle a aquelo os Refuxios dos Mouros; por desgraza neste caso tampouco hoxe quedan restos materiais que nos poidan dar unha idea o que eran eses “refuxios”, pero a referencia ós mouros da a seguridade de que eran parte do patrimonio arqueolóxico da parroquia.

As primeiras conclusións desta investigación deixan un panorama desolador, a acción humana nestes terreos levou a destrución do que poido ser a maior concentración megalítica da bisbarra, e o noso máis valioso tesouro. O peor de todo é que non serviu de nada, nin o proxecto de canteira nin o posterior do campo de golf foron adiante, deixando só un rastro de destrución na paisaxe e nos vestixios da nosa historia, sendo a mámoa das Lameiras o último supervivente do que fora unha gran necrópole.

O rexurdimento da arqueoloxía en Toén?

O seguinte paso é a posta en valor do xacemento, a súa limpeza e sinalización para que todo o que queira poida acudir. Unha tarefa na que non podemos deixar de lado o resto do rico patrimonio arqueolóxico que temos no municipio de Toén, e cuxo estudio comezou vai mais dun século.

A finais do século XIX a Comisión de Monumentos de Ourense falaba dun dos grandes xacementos deste concello o castro de Louredo, onde un veciño de Mugares achara unha ara galaico-romana adicada a Diana, e os habitantes do país daban conta dos numerosos restos de construcións que había naquel monte(8); mais non foi ata a década dos 80s cando se fixeron as primeiras intervencións arqueolóxicas no xacemento, que sacaron a luz moreas de restos de tégula (tella) e cerámica, así coma outra ara votiba adicada a Xupiter e ás matres galaicas, pero nunha chegou a ser escavado en profundidade(9). Compartido entre catro concellos (Toén, Barbadás, A Merca e Cartelle) atópase o castro de Trelle, lugar que leva 70 anos de pequenas intervencións e múltiples agresións, pois o recinto castrexo forma parte dunha plantación forestal; o primeiro estudo que fixo do castro Florentino Cuevillas en 1928 foi seguido doutras intervencións que sempre viñan da man de grandes destrucións, coma a apertura dunha pista forestal entre 1946-1948, que sacou a luz dúas pezas metálicas (hoxe desaparecidas) e cabanas circulares na croa, a intervención de 1971 na que se descubriron varios obxectos na escombreira da dita pista forestal, ou a aparición de sementes de trigo calcinado nas raíces dun piñeiro caído, precisamente estas foron a peza do mes do Museo Arqueolóxico de Ourense en novembro de 2018(10). Sen dúbida algunha os 70s foron a década dourada da arqueoloxía no municipio, pois en 1976 no monte da Piteira, en Moreiras, era descuberto e escavado por D. Vicente Rodríguez Gracia o xacemento paleolítico máis importante da provincia(11), xunto con outros do mesmo período nos montes próximos de A Portela Vella, A Costoira e A Conchada (onde estaba o antigo psiquiátrico). Por eses anos e por mor da intervención na Piteira foron descubertas e catalogadas as que ata o de agora eran as únicas necrópoles megalíticas do concello, a de As Bragradas, As Cerdeiras e o Muíño Novo, na parroquia de Santa María de Toén.

Tras deste período dourado veu pouco a pouco a decadencia e esquecemento do noso patrimonio arqueolóxico, o abandono da busca de novos xacementos (fora dos poucos descubrimentos que foron catalogados a maiores para a elaboración do PXOM fai vinte anos) e incluso a perda da memoria dos que xa saíran a luz. Sendo exemplo a destrución producida nas murallas do castro de Trelle por un madeireiro natural do lugar en 2009, que argumentou descoñecer que aí houbera tal cousa.
Por iso dende a Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén queremos recuperar ese espírito perdido. O achádeo das Lameiras non só volveu por ó concello de Toén no centro das miradas da arqueoloxía galega, senón que conseguiu prender nos veciños a curiosidade polo noso pasado e o seu legado, podendo ser este o inicio do rexurdimento da arqueoloxía neste municipio.

REFERENCIAS

  1. Agradecer a Manuel García Valdeiras que me facilitase unha copia da ficha de inventario da mámoa.
  2. CRIADO BOADO. F. (2016) Atlas arqueolóxico da paisaxe galega Vigo Ed Galixa
  3. CRIADO BOADO.F. (2016)
  4. VAQUERO DÍAZ.B. PÉREZ RODRÍGUEZ.F. (2010) Colección documental del Archivo de la Catedral de Ourense, León Centro de Estudios e Investigación San Isidoro. Caja España de Inversiones.
  5. VAQUERO DÍAZ.B. PÉREZ RODRÍGUEZ. F. (2010)
  6. PENA GRAÑA.A. (2004) Treba y Territorium (Tese). USC, Santiago de Compostela.
  7. Francisco Javier Pérez e Beatriz Vaquero confunden a Lacuna cun humedal ou lagoa.
  8. Ver Boletín da Comisión de Monumentos da Provincia de Orense. Os números están dixitalizados no portal web Galiciana.
  9. SEARA CARBALLO.A. (1990-91) Algunhas cerámicas do Castro de Louredo. Boletín Auriense tomo 20-21 p. 135.
  10. RIVAS FERNÁNDEZ.J.C. (1990-1991) El ara romana dúplice de San Vicenzo (Monte Louredo, Ourense). Boletín Auriense Tomo 20-21 p. 211.
  11. SABUCEDO CARDERO. D. (2018, 21 de novembro). O Castro de Trelle. Sesenta anos de destrucción dun conxunto arqueolóxico. Revista Orballo. Recuperado de http://www.revistaorballo.com/
  12. VILLAR QUINTEIRO.R. (1997) El yacimiento paleolítico de A Piteira (Toén). Boletín Auriense tomo 26 p.9.