A punta Levallois de A Piteira

Os xacementos atribuidos ó Paleolítico Medio encóntranse, na sua inmesa maioria, ó aire libre en varios lugares da rexión. O de A Piteira, que contiña bifaces, hendidores, triedos, cantos tallados, e industria lixeira como raedeiras, denticulados, raspadores, puntas levallois e puntas musterienses, foi clasificado como Achelense (Cano 1991) mentres que para outros investigadores sería un Musteriense de Tradición Achelense (Villar 1996).

A punta Levallois de A Piteira

26/08/2020
Redacción

A punta achada no xacemento de A Piteira, que hoxe se atopa no Museo Arqueolóxico de Ourense, é unha peza fabricada sobre cuarcita (canto rodado fluvial) de gran moi fino, con percutores brandos, con reserva na súa base (o que a fai atípica), con anchura na súa base de 47 mm, unha altura (desde o vértice á base) de 57 mm e un grosor máximo de 14 mm. O seu peso é de 39,5 gr. As súas medidas triangulares son: : 60 mm, 54 mm e 47 mm.

Atopouse nunha das campañas realizadas no clásico xacemento da Piteira (Toén), que en numerosas ocasións foi relacionado e contextualizado (de modo similar aos da Regata en S. Cibrán dás Viñas e o de S.Cibrán de Las) co período Musteriense de tradición Achelense (con numerosos elementos laminares e menores –modo 3– mesturados con outros elementos nucleares e maiores –modo 2–).

No último estudo con terminoloxía clásica bordesiana de Rosa VILLAR (1996) o número de elementos tipo Levallois da Piteira sería (sobre un total de 325 útiles clasificados): Lascas Levallois 40 (12,3%) , lascas Levallois atípicas 20 (6,1
%), puntas Levallois 8 (2,4%) e puntas Levallois retocadas 4 (1,2%).

O número de elementos Levallois sería o máis abundante: 72 elementos (22%) ou sexa case unha cuarta parte dos analizados. En canto á súa cronoloxía absoluta aínda dependemos dos resultados das análises dos elementos do xacemento de Triacastela (Lugo) ou sexa dos restos da Cova de Eirós (cunha data tope de 35.000 anos a. C.).

En canto á súa tradución en termos de Sistema Lóxico Analítico recentemente empregado na análise da industria lítica da Piteira por LOMBERA (2005) atopámonos ante unha peza de Base Positiva de 2ª xeración de Configuración (BP2GC) que se incluirían nos Temas Operativos Técnicos Indirectos (TOTI) centrípetos xerarquizados e predeterminados.

Todos os elementos da Piteira incluídos por LOMBERA neste grupo (lascas e puntas de tipo Levallois=BP2GC e raederas e burís=BN2GC) utilizan como materia prima exclusivamente cuarcita de gran fino, indubidablemente para obter un maior control técnico ao realizalos.

O uso das puntas Levallois debía de ser dobre:
a.– Directamente asidas na man podendo, retocadas ou non nalgún dos seus bordos, servir de punzón, perforador, raspador, coitelo de dorso, etc…. en traballos que necesitasen non forza senón precisión.

b.– Enmangadas en diferentes materiais vexetais (madeira, canas) para aumentar a súa potencia, o seu alcance ou modificar o seu uso.

Este punto de vista foinos ilustrado ultimamente por JACOBS e G; ROBERS (2009) nos estudos e experimentacións efectuados nos útiles atopados no xacemento de Howieson’s Poort (costa este da República de Sudáfrica) que se asigna ao Paleolítico Medio e foron datados polo innovador método de luminescencia estimulada óptimamente (OSL): esta mide a temporalidade cun raio láser actuando sobre os electróns atrapados na rede cristalina dos grans de area do xacemento. Iso produce unha emisión de luz (o sinal OSL) que se detecta cun tubo multiplicador, calculando así a partir do sinal OSL e a radiación da mostra e o sedimento que a rodea o tempo que os grans de area e polo tanto do tempo que o instrumento permaneceu enterrado. Calculouse así para estas puntas entre 100.000-40.000 a. C.