Di a copla popular inmortalizada polo poeta, natural de Sobrado do Bispo, Alberto García Ferreiro na súa obra Chorimas:
“Para torres as de Moreiras,
Para feiras as de Toén,
Para mozas as mociñas
Do concello sobradés.”
Pois non imos falar nin de torres, nin das mozas do concello veciño, hoxe imos á feira. Botade man da carteira e prepararvos para regatear que imos facer un percorrido por case cen anos de mercado no concello de Toén.
A día de hoxe non temos referencia de realización dos famosos feiróns de Toén no antigo réxime, todos os datos que dispomos son dos século XIX e XX. A primeira parada é no reinado de Isabel II.
O 19 de novembro de 1854 o Boletín Oficial da provincia publicaba a creación dunha feira no concello de Toén na capital do municipio. O goberno local baixo a presidencia do militar don Manuel Pérez Montes (1854) conseguiu a autorización do Gobernador civil para a celebración dun mercado mensual o día 27 de cada mes, en caso de que o día cadrara a festivo debía de pasarse á xornada seguinte.
Este mercado era extensivo: “a toda clase de ganados, cereales y más efectos de lícito comercio.” Vendo isto teriamos que preguntarnos que producía Toén naquel tempo, cousa que por sorte témolo reflexado no coñecido coma Catastro de Madoz (1846-1850): “Produce (Concello de Toén): trigo, maiz, centeno, patatas, legumbres, lino, hortalizas, vino y frutas; hay ganado vacuno, de cerda, lanar y algún caballar; caza de perdices, liebres y conejos; y pesca de anguilas, truchas, lampreas y otros peces”.
Non sabemos cantos anos se celebrou esta feira, mais trinta anos despois (e xa noutro réxime político diferente) o consistorio aprobou a celebración doutra.
En 1885 a prensa faise eco (e nunca mellor dito) da inauguración doutro mercado en Toén. O xornal El Eco de Galicia cubre o primeiro día de mercado o 4, segundo apuntan: “realizáronse importantes transacciones de ganado de cerda y vacuno y acudió numerosa concurrencia.” Non temos máis datos desta, pois non se conservan actas do Concello deste ano e no Boletín Oficial da provincia non se fai referencia a ela. Terían que pasar 13 anos para volver a ter novas da feira de Toén, pero esta sería de novo cuño e nun novo emprazamento.
Chegamos ao final do século e o consistorio baixo a presidencia do conservador D. Bernardo Lahoz, reunido a 20 de febreiro de 1898, acorda a creación dun novo mercado no lugar de Gradeira, nos límites da capela do San Xoán, os primeiros domingos de cada mes, de toda clase de gando, aves e cereais; mercadorías que estarían libres de impostos por termo dun ano. Marcando coma comezo desta actividade comercial o mes de marzo.
O concello eloxia a labor do cura párroco e arcipreste de Toén, Don Castro Seoane Selas, que conseguiu a aprobación do bispo para que a feira puidese realizarse en domingo: “en cuanto al cumplimiento del precepto de oir misa, y demás compatibles en las ocupaciones de dicho mercado”.
A seguinte noticia que temos da feira de Toén é no 1900, cando o xornal La Vida Morderna reporta na súa edición do 18 de febreiro: “La última feria celebrada en Toén se ha disuelto a palos y tiros, a semejanza de lo que sucediera el mes anterior”. Pero era este mercado o de Gradeira ou podía ser un novo?
En decembro de 1928 os veciños de Alongos remiten unha carta ao concello ca petición de recuperar a feira do 13. Na misiva escrita por Ramón González Mozo lémbrase coma en data “no lejana” existía no municipio unha feira de gando os 13 de cada mes, mais fracasou por mor das malas vías de comunicación que había naquel tempo; polo que propoñen a creación dunha nova no mesmo día do mes, mais que esta se celebre no campo de Alongos: “que está lindando con el río Miño por estar en buena situación y pasar por el lado sur de dicho campo la carretera de Orense a S. Clodio”, mais deixaban en mans dos rexedores a escolla do lugar máis axeitado para celebrala.
A Comisión Permanente que rexía o concello de Toén a fins da ditadura de Primo de Rivera, reunidos o día 31 de xaneiro de 1929 baixo a presidencia de D. Elías García Pérez leva ao pleno a proposta dos de Alongos. Segundo queda constatado nas actas o debate foi intenso e longo, á fin acordaron crear un mercado de gando, libre de impostos, o 13 de cada mes, pero non en Alongos, o emprazamento escollido era o campo de Fondón, na parroquia de Toén, xa que segundo sinalaban os concelleiros era: “al margen derecho e izquierdo de la carretera de Orense a Toen por ser el punto más céntrico para los vecinos de este municipio”. Marcaban coma data inaugural o vindeiro 13 de febreiro.
A feira inaugural caeu ese mes a mércores, a crónica do evento foi recollida pola prensa de toda Galicia, segundo reporta a edición de El Pueblo Gallego do 16 de febreiro: “El miércoles hemos asistido a su inauguración, apreciando la gran concurrencia de reses vacunas y las muchas transacciones que se efectuaron. Para dar mayor realce y solemnidad a la inauguración, concurrió la banda de música “Lira Artística” de Alongos, que dirige don Julio Pérez. El municipio de Toen y todos sus habitantes se hallan plenos de entusiasmo para que tan necesaria feria se afiance definitivamente, cosa que celebraremos.” Esta é a derradeira nova que temos dos famosas feiras de Toén.
Despois deste percorrido por un século de mercados no noso concello queda unha dúbida por resolver: Cal era aquel malogrado mercado dos 13 ao que fan referencia na súa misiva os veciños de Alongos? Pois a datas das anteriores eran os 27, catro e o primeiro domingo de mes. Sería aquela feira de comezos do século XX que rematou dous meses consecutivos en liorta? Ata non atopar documentación que poida aclaralo seguiremos ca dúbida.
Fontes:
Hemeroteca biblioteca.galiciana.gal
Arquivo do Concellod de Toén