Atopada unha placa de bronce dun cinturón da época sueva

Atopada unha placa de bronce dun cinturón da época sueva

28/10/2021
David Sabucedo

En febreiro de 2020 un membro da asociación Amigos do Patrimonio de Toén achou nun eido seu unha pequena placa de bronce cuns gravados. Co fin de contextualizar a peza contactou co arqueólogo salmantino Carlos Tejerizo, do grupo “Sputnik Labrego”, que o puxo sobre a pista de que podería tratarse dun resto suevo-visigótico.

O seguinte paso que deu foi enviarlle un correo electrónico ó profesor da UAM Jorge López Quiroga, natural de Ourense, e organizador da exposición “In Tempore Suevorum” no que incluíu varias fotografías e información relativas ó achado. Quiroga non tardou en respostar confirmando a teoría apuntada por Tejerizo, segundo comentou:

“Trátase dunha peza de fibela de cinto (a placa da fibela); pola súa forma e disposición, en segundo lugar, corresponde ó tipo que soemos denominar coma liriformes, cuxa cronoloxía, en terceiro lugar, soe atribuírse ó século VII d.C., aínda que o seu emprego esténdese no tempo, podendo prolongarse ó longo do século VIII d.C.
Pola súa tipoloxía hai máis placas de fibela de cinto achadas no ámbito territorial da antiga Gallaecia (Lugo, A Coruña, Ourense, León, Portugal), non idénticas nos motivos mais si na forma liriforme. O exemplar achado en Lugo ten unha tipoloxía semellante (s.VI-VII, aínda que para o autor era máis do VII-VIII). A outra peza que apareceu en Ourense foi no veciño concello de Amoeiro (no xacemento das Pereiras).”

Unha vez recollidos estes datos comprobando que se trataba dunha peza singular procedemos a entregala a Patrimonio para o seu estudo e conservación. Dende Amigos do Patrimonio de Toén queremos agradecer a Carlos Tejerizo e Jorge López Quiroga a súa colaboración, e agardamos con ansia novas do estudo desta peza, posiblemente un dos maiores achados ata a data feitos no Concello de Toén.