Manuel Rolán Pazos. Alcalde de Toén

Manuel Rolán Pazos. Alcalde de Toén

02/05/2022
David Sabucedo

Don Manuel Rolán Pazos nado en Servoi (Castrelo do Val) en 1817 era fillo de D. Martín Rolán e Dª Manuela Pazos.
Era avogado de profesión e polo menos dende 1843 residía en Alongos no barrio do Prado. Posuía tamén un muíño en Fonte Larelle, onde lle entraron a roubar a finais de xaneiro de 1853, levándolle os ladróns trece ferrados de millo e unha romana de ferro cos seus aparellos.

Carreira Política

Foi alcalde de Toén en dúas ocasións durante o reinado de Isabel II: unha primeira etapa de 1843 a 1844, da que sabemos que o seu tenente de alcalde era D. Andrés Villamarín; e unha segunda de 1848 a 1850, neste período os seus tenentes de alcaldes eran o fidalgo D. Manuel Suárez de Deza (Puga) e o propietario D. Francisco de Montes (Moreiras), nestes últimos anos da súa man outro veciño de Alongos chegaría a secretaría municipal, D. Ramón de Quintas, que tivo o posto de 1848 a 1854. Tamén
exerceu cargo no goberno provincial coma conselleiro no Consello da Provincia de Ourense dende 1852 ata a súa morte, e por algún tempo debeu residir na capital (polo menos en 1857). En decembro de 1860 é escollido xuíz de paz do concello de Toén,
cargo que aínda exercía en 1863.

Familia

Estaba casado con Dª Elisa Rodríguez natural de San Xoán de Arcos, dunha familia propietaria daquel lugar, seus pais eran D. Miguel Rodríguez e súa nai Dª Clara Machón (de Estremadura). Dª Elisa faleceu dando a luz na súa casa de Alongos o 2 de novembro de 1860 aos 44 anos. Tiveron polo menos tres fillos:

  • Leopoldo Rolán Rodríguez (morto de cativo)
  • Joaquina Rolán Rodríguez (falecida o 26 de novembro de 1860 aos 11 anos)
  • D. José Rolán Rodríguez que en 1877 aínda vivía en Alongos, e en 1904 era xuíz municipal suplente en Riós.

D. Manuel Rolán faleceu de tisis na súa casa de Prado, en Alongos, o 15 de marzo de 1863 aos 46 anos.