Todo parece indicar que os murais existentes nas igrexas de Santa Baia de Banga e de Santa María de Mugares son obra dun mismo autor, Bartolomé García Baamonde, o Pintor de Banga.
A historia de Mugares, está profundamente marcada pola pegada do promotor da igrexa de Santa María, Bartolomé García de Baamonde, un clérigo singular que é identificado por José Manuel Iglesias1 como o Pintor de Banga.
A importancia desta figura, radica no feito de que con ela iníciase o desenvolvemento da pintura manierista2 en Galicia, e será precisamente co Pintor de Banga, co que alcance unha das cotas máis elevadas da creación plástica galega de todos os tempos.
Bartolomé García Baamonde, un home de forte carácter como acreditan os preitos que mantivo, entre outros cos monxes de Oseira e Celanova, procedía dunha familia fidalga de acreditado linaxe do Ribeiro3. Formouse na Universidade de Salamanca renunciando aos dereitos herditarios a cambio do pago dos seus estudos e sustento.
Bartolomé aparece como reitor de Mugares en 1564. En 1570, xa como abade, levouse a cabo a construción da igrexa parroquial e a reitoral, ambas de excelente fábrica, deixando Bartolomé a pegada do seu brasón. Aquí retiraríase despois da excomunión papal, morrendo en 1581.
O membro da Real Academia da Historia Dalmiro de la Válgoma4 refírese a él:
Este gran clérigo, de vieja prosapia, construye la actual iglesia, blasonada con el propio escudo, dejando diversas mandas en beneficio del Ayuntamiento local, atribuyéndosele, además, la posibilidad de ser autor de las excelentes pinturas murales de dicho tempo y su sacristía.
Boletín da Real Academia da Historia, TOMO CLXXXIV Número I ano 1987
Os traballos de Bartolomé Garcia, están influenciados, entre outros, por Alciato5, Miguel Ánxo6 e, sobre todo, polo pensamento de Marsilio Ficino7, sendo o neoplatonismo o marco cultural que xustifica as súas formulacións artísticas e a súa mensaxe. Resulta sorprendente o seu coñecemento da teoría heliocéntrica de Copérnico8 e a destreza con que manexa diferentes pensamentos da cultura italiana, principalmente da Academia Platónica florentina9.
Este conxunto de enxeño e intelecto sitúanos, á hora de avaliar os seus contidos, diante dun auténtico humanista, capaz de xerar imaxes que conteñen ambiciosas e variadas mensaxes.
No que respecta a igrexa de Santa María de Mugares, parte da súa obra pode contemplarse na estancia situada fronte a sancristía, hoxe utilizada como trasteiro. Este espazo, cuberto por unha bóveda de canón apuntado, foi probablemente utilizado por Bartolomé como oratorio particular, xa que temos constancia de que o abade contribuíu a levantar a igrexa para ter unha dependencia de propiedade particular que usaría no futuro como lugar de enterramento.
Na parede situada ao norte podemos contemplar un retablo de dous corpos. No corpo superior aparecen representados san Pedro coa chave e san Pablo coa espada, mentres que no inferior aparecen san Sebastián, un Cristo atado a unha columna, e san Bartolomé.
A bóveda da capela maior, de ligadura ou lierne, tamén chamada ás veces bóveda estrelada pola forma que xeran as ligaduras de conexión, dá soporte a diversas representacións iconográficas. O espazo que hai entre os arcos perpiaños e os terceletes está decorado coas figuras dos profetas Jonás, Daniel, David, Ezequiel, Amós é Joel; as obras que ocupan o espazo entre os terceletes e as diagonais están relacionadas coa natureza humana, mentres que o oito divisións que compoñen a clave están dedicadas a diferentes divindades mitológicas romanas.
Trátase, sen lugar a dúbidas, dun conxunto pictorico de gran beleza que fai de Santa María de Mugares un lugar de visita obligada para todos os amantes do arte e da historia.
1 – El pintor de Banga – Autor: José Manuel García Iglesias – Editorial: Fundación Pedro Barrie de la Maza) – ISBN: 9788485728381 – Ano: 1984
2 – O termo manierismo é a denominación historiográfica do período e estilo artístico que se sitúa convencionalmente nas décadas centrais e finais do século XVI (Cinquecento, en italiano), como parte última do Renacemento (é dicir, un Baixo Renacemento). A súa caracterización é problemática, pois aínda que inicialmente definiuse como a imitación da maneira dos grandes mestres do Alto Renacemento, posteriormente entendeuse como unha reacción contra o ideal de beleza clasicista e unha complicación laberíntica tanto no formal como no conceptual que prefigura o “exceso” característico do Barroco.
3 – Fillo de Lope Garcia Baamonde e Violante Lopez Mosquera. Irmáns: Vasco de Puga, Alonso López de Baamonde, Gonzalo López de Puga; Lope García Varela, María de Mugares (Abadesa) y Sancha Mosquera.
4 – Dalmiro de la Válgoma y Díaz-Varela (Monforte de Lemos, 7 de mayo de 1904 – Madrid, 9 de mayo de 1990) foi un militar, avogado e historiador adicado á Xenealoxía e a Heráldica, membro da Real Academia da Historia.
5 – Andrea Alciato o Alciati ( Alzano, Milán, 1492 – Pavía, 1550) foi un moralista, xurista e escritor humanista italiano. Alciato é recoñecido sobre todo pola publicación dos seus Emblemas (1531), difundido en numerosísimas edicións. Esta colección de emblemas, constituídos por unha lema ou mote, unha imaxe alegórica ou pictura e un epigrama que servía de glosa e comentario, creou un xénero novo no mundo occidental, o do emblema.
6 – Michelangelo Buonarroti (Caprese, 6 de marzo de 1475-Roma, 18 de febreiro de 1564), coñecido en galego como Miguel Ánxo, foi un arquitecto, escultor e pintor italiano renacentista, considerado un dos máis grandes artistas da historia tanto polas súas esculturas como polas súas pinturas e obra arquitectónica.
7 – Marsilio Ficino (Figline Valdarno, Florencia, 19 de outubro de 1433, – Vila medicea de Careggi, Florencia, 1 de outubro de 1499) foi un sacerdote católico, filólogo, médico e filósofo renacentista italiano, protexido de Cosme de Médicis e dos seus sucesores, incluíndo Lorenzo de Médici (chamado “o Magnífico”), foi ademais o artífice do renacemento do neoplatonismo e encabezou a famosa Academia platónica florentina.
8 – Nicolás Copérnico (Thorn, Prusia Real, 19 de febreiro de 1473-Frauenburg, Prusia Real, 24 de maio de 1543) foi un astrónomo prusiano do Renacemento que formulou a teoría heliocéntrica do sistema solar, concibida en primeira instancia por Aristarco de Samos. O seu libro De revolutionibus orbium coelestium (Sobre as revolucións das esferas celestes) adoita ser considerado como o punto inicial ou fundador da astronomía moderna, ademais de ser unha peza crave no que se chamou a Revolución científica na época do Renacemento.
9 – A Academia Platónica florentina foi unha institución humanista fundada en 1459 polo mecenas Cosme de Médicis. Ao principio non foi senón un cenáculo de amigos para discutir temas literarios, e non transcendeu do grupo de eruditos ligados á familia Médicis. Con todo, foi imitada noutras cidades de Italia e posteriormente en todas as nacións de Europa.