O castro de Trelle

A desinformación e ignorancia sobre a nosa historia e patrimonio, son as grandes aliadas das agresións que sobre el se cometen por parte de particulares e administracións, polo que a labor dos historiadores é informar e concienciar para evitar que eses males sobre a herdanza dos nosos devanceiros sigan producíndose.

O castro de Trelle

Cincoenta anos de destrucción dun conxunto arqueolóxico
En agosto de 2009 saía nos medios locais, e incluso estatais, a noticia dos desperfectos causados na muralla do Castro de Trelle durante unha corta de madeira facer unha corta naquel lugar, cando os gardas pedíronlle explicacións aos traballadores, que eran do lugar, estes argumentaron que descoñecían a existencia dun castro naquel lugar. O que parece unha escusa para desculpar o feito pode que sexa simplemente a verdade. Meu avó, natural da veciña parroquia de Moreiras, sempre me dicía que naquel monte non había restos de poboado algún, simplemente recibía o nome de castro pola forma que tiña aquel monte.

A desinformación e ignorancia sobre a nosa historia e patrimonio, son as grandes aliadas das agresións que sobre el se cometen por parte de particulares e administracións, polo que a labor dos historiadores é informar e concienciar para evitar que eses males sobre a herdanza dos nosos devanceiros sigan producíndose. Por iso hoxe imos dar unha breve volta por un dos xacementos máis senlleiros e máis castigados do concello de Toén, o Castro de Trelle.

Un poboado dos vales do Miño e o Arnoia
Situado entre os concellos ourensáns de Toén, Bardadás, A Merca e Cartelle a 600 metros sobre o nivel do mar, atópase o lugar do que estamos a falar. Dende o seu curuto divísanse grandes extensións dos vales do Miño e Arnoia sobre todo cara Castromao e Santa Águeda. O topónimo castro é moi común na súa contorna, preto del atópase o coñecido coma Castro de Pereiras (tamén marcado coma xacemento) e o monte coñecido como O Castro próximo a estes dous, o que fixo que o pobo chámelle vulgarmente ó macizo onde se atopan Os Castros. O propio outeiro onde está emprazado o poboado ten unha forma peculiar que fai que destaque no horizonte das poboacións da contorna, incluso é visible dende certas zonas da cidade de Ourense, sendo unha característica engadida o brillo do sol sobre a torre de vixilancia de incendios que hai no seu cumio.

Noventa anos de pequenos estudos e agresións
En 1928 un estudo do castro feito por Florentino Cuevillas aparece publicado na revista Nós. Nel o pai da arqueoloxía galega describe o xacemento da seguinte maneira: “castro de dous recintos, ó xeito de dúas terrazas ovaladas, superpostas e concéntricas, cinguidas polos seus respectivos terrapléns, de 8 metros de alto o da cima e 6 metros o de embaixo”, a distancia entre os recintos vai dos 46 e 50 metros, uns 30 metros por baixo do inferior cara o norleste hai o que semella unha terceira terraza. Nos terrapléns efectuáronse catas de 50 centímetros e apareceu unha muralla de contención, case vertical, feita con cachote pequeno de pedra esquistosa (pizarra), as laxes estaban labradas cara o exterior e formaban un paramento ben xunto e liso, segundo describe o investigador. Durante as investigacións di o autor: “non atoparon ningún alicerne de casa, nin testo de xerra nin tégula”, dato que parecían corroborar os veciños destas terras que non lembraban a aparición de restos arqueolóxicos ningúns, só contaban os de Pereiras que na croa do castro había uns pozos onde se tiraban pedras e non se oían golpear no fondo, cousa que aínda contan hoxe no lugar de Trelle.

Nunha data anterior a 1948 foi habilitada unha pista forestal que ascendía ata a croa do castro, ditos traballos enmarcábanse dentro dun primeiro plan de repoboación forestal daqueles montes. Dita pista rachou ambos recintos amurallados e deixou ó descuberto unha cabana circular, na que foron atopadas unhas pezas metálicas (crese que de bronce) que hoxe en día atópanse en paradoiro descoñecido. Dous veciños de Trelle que traballaron na construción da pista falan que os obxectos atopados foron dous: un era unha especie de machada metálica duns 30cm, describen que o obxecto (que un deles tivo na man) tiña fío por un dos lados e polo outro era romo; a outra peza eran anacos metálicos, cunha forma pouco definida, e que tiñan letras. Ámbolos dous obxectos foron levadas polos capataces da obra (que eran da zona de Maceda, segundo din), un deles coñecía a existencia do xacemento xa que levaba consigo un libro “onde falaban dos poboados daquelas xentes daqueles tempos e tiñan debuxos de ferramentas e obxectos que usaban”, segundo contou o informante, tamén levaron unhas pedras para expor na Deputación de Ourense. Outra cousa que atoparon foron unhas estruturas, que eles definían coma fornos, pegados a muralla polo interior: “tiñan a súa cúpula e por dentro as paredes eran moi lisas”, atopáronos cando estando un obreiro enriba dunha delas a “cúpula” cedeu e caeu dentro o paisano. Foi durante esas obras cando se empezou a estender pola contorna a noticia das construcións que había naquel monte, coma curiosidade contan que unha veciña de Trelle acudiu ata alí e mediu o ancho dos muros do recinto.

Un veciño de Moreiras, Andrés Sabucedo, contaba de que a comezos dos anos 70 eran visibles, na croa, na zona orientada cara a aldea de Trelle, unhas tres edificacións circulares feitas de cachote de pizarra; el describía que lle pareceu ver que pegados aos muros había unha especie de banco corrido, tamén feito cas mesmas laxes. Segundo me contou foron as repoboacións forestais feitas nesa década a que máis agrediron os restos conservados, xa que as máquinas empregadas pasaron por riba de todo o que alí había.

Foi precisamente a comezos deses anos cando apareceron as pezas hoxe conservadas: En 1971 na escombreira da pista onda a cabana escavada apareceron varias pezas: unha afiadeira, peza feita sobre un canto rodado empregada para afiar; unha fusaiola, unha peza cerámica que fai de peso no fuso dun tear; e unha fíbula de bronce circular sen pasador. En 1972 un vendaval arrincou varios piñeiros da plantación e nas raíces dun deles apareceron varios grans de trigo calcinados e anacos de cerámica pertencentes a dúas vasixas. Nese mesmo ano foron entregados ó Museo Arqueolóxico provincial numerosos fragmentos cerámicos atopados na superficie do castro e no mesmo ano un garda forestal atopou fragmentos dunha ola globular castrexa que foi reconstruída no dito museo unindo os fragmentos.

A semente do Castro de Trelle
Non foi ata outubro deste mesmo ano 2018 cando o castro de Trelle volvía saltar os medios, mais esta vez por unha noticia positiva, a Peza do Mes do Museo Arqueolóxico de Ourense eran as sementes de trigo alí atopadas. Para Vicente Rodríguez, encargado da presentación, a presenza das semente indica que era un asentamento dedicado ó cultivo e conservación dos cereais, ademais de reafirmar a teoría de que a agricultura avanzou cara o NO dende o actual Portugal. Rodríguez levaba anos en posesión de parte destas sementes, xa que parte delas fóronlle cedidas para o seu estudo tras ser atopadas.

Unha das labores que tentará levar a cabo esta asociación, e que pensamos que é o mellor para o Castro, será a súa salvagarda e posterior escavación para poñelo en valor e así evitar que continúe a súa destrución. Que o xacemento atópese en montes de man común de varias parroquias de distintos concellos dificulta as labores, mais aínda cando o terreo está dedicado á plantación forestal, pero tamén é certo que ninguén loito ata agora por facelo.

Para saber máis: -Rodríguez Gracia, Vicente. Materiales del Castro de Trelle Boletín Auriense, Tomo 8 (1978). –Rodríguez Gracia, Vicente. Las Semillas del Castro de Trelle. Museo Arqueológico Provincial de Ourense (pdf)