O cura liberal

O cura liberal

14/03/2022
David Sabucedo

Na campaña electoral para as Cortes españolas de marzo de 1914 visitou Moreiras o candidato conservador polo distrito de Ribadavia (daquela pertencía a este Toén) Don José Estévez Carrera. O que foi todo un acontecemento no lugar.

Segundo conta un veciño de Moreiras anos despois no xornal La Región o señor candidato deu un mitin nunha ateigada Praza onde tódolos paisanos se achegaran para coñecelo. Nunha improvisada tribuna dixo ca man dereita no peito:

“Os juro por mi honor que en la próxima visita que os haga, vendré a este pueblo en auto móvil por el camino vecinal que he de conseguir para vosotros”.

Sete anos despois a estrada a Moreiras seguía sen estar feita e, como apuntaba o indignado veciño no artigo en La Región (do 4 de agosto de 1921) o Sr Estévez non voltou “ni en coche ni en burro”.

Mais a promesa incumprida non lle pasou factura de inmediato pois nas seguintes eleccións baleirouse o censo ao seu favor (fixeron un pucheirazo) pero nas últimas ás que se presentou os veciños de Moreiras non lle deron o seu voto. Na derradeira semana de xullo do 1921 voltou o candidato a Cortes ao concello de Toén, mais non a Moreiras.

Unha delegación desta parroquia acudirou onda el a Alongos onde tiña un acto electoral e don José, sen que “la vergüenza turbase su lengua”, díxolles:

“Para que vean que me intereso por ustedes, voy a poner ahora mismo un telegrama al ministro de Fomento que es muy duro de cabeza y frío de corazón, pero veré si puedo entusiasmarlo”, e así morreu o conto.

Manuel Rego Nieto recolleu unha historia que contaban os vellos cando el era neno en Moreiras sobre a primeira visita do Sr Estévez ao lugar. Resulta que os líderes do partido conservador de Moreiras foran onda o cura desta parroquia, don Javier
Rodríguez, para falarlle dunha cousa de moita importancia. Apañaron ao abade na entrada da igrexa e contáronlle que había eleccións e viña “el señor diputado” que se presentaba polo partido conservador á localidade, que a visita era de enorme
importancia e que lles gustaría que o recibira e fixérao entrar baixo palio. O crego tentoulles dicir que ese días el non estaba, que ía tomar os baños ao Carballiño.

“Iso non é problema -dicíanlle eles-, botamos mao do sancristán”

Ante a insistencia sacou o xenio don Javier e espetoulles que o palio só se lle puña a El Señor, ou a Su Majestad El-Rey.

–“O Rei! -berrou un daqueles políticos- “Quen vai faguer a carretera dende Ourense, señor el señor diputado!”-.

Farto da discusión o abade meteuse na igrexa e pechoulles a porta nos fuciños.

Segundo parece don Javier entrou rosmando no templo:

“Un diputado conservador baixo palio, estache bo o conto, de ningunha maneira. Se aínda fora un liberal…!”

Fontes:
-Artigo do xornal La Región: “Como se burlan los políticos de los pueblos que
representan” por Un Vecino de Moreiras (04 de agosto de 1921). biblioteca.galicina.gal
-Rego Nieto, Manuel. Feitos e Ditos. Ed Gómez y Gémez S.L. Ourense 1993.