O río de Puga

15/03/2021
Luis Pérez

O río de Puga é tamén coñecido por moitos como o río de Larelle, a súa fonte principal está nos montes entre as parroquias de Trelle e Moreiras. Nace a unha altitude de 426m e desemboca en Puga no río Miño, ó lado da Casa de don Cesáreo, a unha altitude de 96 m.

Ó longo do seu percorrido vai recollendo as augas de diversos manantiais, pero os regatos que máis caudal lle aportan son: o Regato da Vella, que se une co río de Puga no mesmo monte onde nace, ten as fontes nos Castros de Trelle e apórtalle moita auga xa no principio ó de Puga, por eso se di que o que nace nos Castros é o de Puga; máis abaixo únese ó regato dos Castros, que pasa por Trelle; e na Tronca xúntase co Regato de Xestosa.

O seu percorrido é tranquilo ata chegar a onde está agora a canteira de Paredes, na mesma canteira era onde o río tiña o maior desnível, xa que en 300 m tiña un desnivel de 60m, sendo este tramo o máis difícil de percorrer. Despois sigue pola zona da Tronca unha zona de pozas e fervenzas moi bonita para disfrutar; ó pasar este tramo volve ser tranquilo, atravesando o lugar de Puga, que lle da o seu nome, ata a súa desembocadura.

Os seus vales eran moi fértiles, destacando o da Vaca Vella, Muíño Novo, o Val de Larelle, as Leiras de Paredes e o propio Val de Puga. Cultivábase maiormente patacas, millo, fabas e tamén había moitos prados. Usaban para regar o río mediante unhas presas, destacaba na zona de Larelle “As Portas” que se puñan en época de rega e facía un encoro que, a parte de utilizarse para regar, tamén a usaban os mozos e os rapaces para ir a bañarse.

As súas augas durante o inverno movían unha ducia de muíños destacando os “Tres Muíños “ no término de Larelle.
Da Tronca ata a súa desembocadura tiña moitas troitas que subían a desovar. Agora está vedado. Pero contábame a miña avoa, “María de Fontelarelle”, que viñan moitas veces homes de Puga poñendo anzóis polo río para pescar anguias que eran moi abundantes, estes quedaban a durmir nos palleiros de Fontelarelle para levantarse antes de que se fixese día a recoller os anzóis, e supoño que irían a Ourense a vender as anguias.

Sirva esto como homenaxe a todas esas persoas que traballaron duramente as súas terras que estaban a carón do río e contribuían a manter as súas marxes limpas de maleza, e coidaban o río, hoxe un pouco descoidado.