Riquichín . O bandoleiro de Puga – II

Despois de catro anos de ardua e infrutuosa persecución, Riquichín sería detido a principios de 1897, nunha taberna de Ribadavia, polo capitán da Garda Civil daquela sección e dous gardas

Riquichín . O bandoleiro de Puga – II

08/05/2021
Xesús Álvarez

Aínda que non sabemos si o atraco ao cura de Macendo foi a primeira actuación delituosa de Riquichín, si temos constancia pola prensa da época de que non foi a única nin a máis violenta.

Despois de dita empresa, Emilio Ferreiro Pérez (Riquichín), foi requirido sen éxito en varias ocasións polo Xuíz de instrución de Ribadavia, Don Eladio Rodríguez Valeiras. Un destes requirimentos, datado o 10 de xaneiro de 1893, facilítanos a primeira descrición que temos do bandoleiro e do seu compañeiro Felipe Álvarez Villamarín, tamén veciño de Puga:

Descrición de Emilio Ferreiro:
Idade unhos 23 anos, estatura regular, sen barba, cabelo rubio, ollos azuis, nariz larga e afiada, boca regular. Viste terno completo de pano negro, chapeu negro de ás anchas, zapatos de becerro e ás veces botas do mesmo xénero.
Boletín Oficial da provincia
Ano 1893 Número 166 – 10 de Xaneiro de 1893

As tropelías de Riquichín continuaron nos anos seguintes. Primeiro sería o roubo a Venancio Gónzalez, a quen deixou malferido, a seguinte vítima foi Manuel Arias a quen Riquichin roubou 2300 reais e finalmente Manuel Pérez e José Rodríguez ós que roubaría un total de 256 pesetas. Estas non son máis cunha pequena parte das fazañas de Emilio Ferreiro, xa que que moitas outras quedaron sen denunciar polo temor que o delincuente infundía entre os paisanos.

Despois de catro anos de ardua e infrutuosa persecución, Riquichín sería detido a principios de 1897, nunha taberna de Ribadavia, polo capitán da Garda Civil daquela sección e dous gardas. No momento da detención ocupáronselle unha navalla de grandes dimensións, unha lima, media vea de esperma, duas petacas, un reloxo con cadea de prata e un anel de prata. Portaba unha cédula de identificación expedida no concello de Canedo a nome de Ramón González Pérez.

Sabemos que cumpriu, polo menos parte da súa condena, no cárcere de Ponte Caldelas grazas o artigo publicado no diario Noticiero de Vigo o día 24 de xaneiro de 1905, no que, baixo o título Ponte Caldelas – Fuga de presos, recollíase a última aventura da que temos constancia de Riquichín.

Na mañá de hoxe, fuxiron do cárcere dous presos, para conseguilo sacaron as barras que tiñan as portas e coa a súa axuda levantaron varias pedras do pavimento, logrando saír ao patio por baixo da porta. Coas táboas da cama e as toallas e sabas postas en tiras fixeron unha escaleira e cordas, subindo pola primeira e baixando o murallón para o exterior do edificio pola corda, previamente atada aos ferros dunha xanela exterior.

Dentro do mesmo calabozo no que se atopaban os fuxidos, durmían outros dous que non se fuxiron, un por estar a concluír a súa condena, e outro por ser algo parvo.

Os fuxidos chámanse Emilio Ferreiro Pérez, alias Riquichín que xa estivo a piques de fuxir outra vez, e Manuel Iglesias, sen segundo.
O primeiro é licenciado de presidio.
Suponse que saíron ás tres.

A finais do mesmo mes o Goberno Civil de Ourense emitía unha notificación de procura e captura dos dous prófugos. A nova foi recollida por El Diario de Pontevedra do 30 de xaneiro de 1905 que incluiu unha descrición actualizada de Riquichín:

Emilio Ferreiro Pérez (a) Riquichín, natural de Puga, provincia de Ourense, de 29 anos de idade, casado, estatura un metro 530 milímitres, ollos azuis, pelo e barba castaños, cor pálida, cunha cicatriz na fronte, é licenciado de presidio.