A pena da Costoira

Preto da parroquia de Moreiras atópase a Pena da Costoira. Nela, contaban os vellos que antigamente vivían os mouros. Na pena inda se pode ver unha especie de pía onde a moura se peiteaba, tamén están gravados nesas penas o pé do mouro e da moura e maila ferradura dunha das súas bestas, e abaixo están as sepulturas deles.

Por debaixo desta penas hai unha sorte de mina, e nesa mina hai dúas pedras penduradas que no inverno están escorregando auga continuamente, e chámanlle a xente os touciños (ou os lacóns segundo quen cho contara) dos mouros.

Tamén se dicía que hai un túnel que une esa Pena da Costoira co monte que lle chaman A Portela Vella ao outro lado da parroquia de Moreiras.

Bibliografía
David Sabucedo Cardero.
Observacions: Información sacada dos contos que me contaba meu avó así coma do Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza, A freguesía de San Pedro de Moreiras (Toén), 1929.