Nos castros de Trelle, unha mañá de San Xoán, unha moza que ía para Ourense atopou unha señorita descoñecida, vestida de seda e cuns cabelos dourados que lle chegaban á cintura, e a señorita díxolle:
-De hoxe nun ano, si queres ser rica, antes de raiar o sol, vés por aquí, e dende a cima do monte, has dicir tres veces: “Ábrete, pendouril dourado!”.
Así o fixo, e á terceira vez, por un burato que se abriu no monte, saiu a señorita vestida de seda e botoulle na faldra unha cousa que non se sabía o que era, e díxolle:
-Non mires ata non chegares á casa.
E desapareceu. A moza, chea de curiosidade, abriu o mandil, e viu que eran moedas de ouro. Chea de ledicia, chegou á casa, mais cando quixo gardalas onzas, eran carbóns.
Bibliografía
M. Risco, Vicente. “Historia de Galiza. Cultura espiritual”. Ed Galaxia. 1979